E-mail


anpa.agarimo@gmail.com

Teléfono


607 042 949

Horarios

Luns a venres: de 09:00h a 09:30h Tardes: chamar antes
 

Melloras no noso colexio

sábado, 28 de decembro de 2013


Comunícannos dende o Concello da Coruña que o noso colexio foi seleccionado como un dos afortunados que poderá gozar no seu patio de recreo e pistas, dun chan especial antideslizamento, anticharcos e térmico. A cor do chan vai ser amarelo xa que a devandita cor representa o sol, a diversión e o optimismo e achega tranquilidade.

O único inconveniente que temos a esta magnífica noticia é que os nenos non poderán saír ao recreo durante as obras, que se empezarán a executar nada máis empezar o ano e teñen prevista a súa finalización en abril do 2014. Por seguridade os nenos terán que permanecer nas súas clases a media hora de descanso diaria. Poderán aproveitar para facer deberes ou ler algún libro.

Pregámosvos que teñades paciencia, é en beneficio de todos.

Se queredes máis información sobre o asunto podedes picar sobre a seguinte imaxe:


Festa do Nadal - Agradecementos e fotos

venres, 27 de decembro de 2013



Como xa sabedes o día 20 celebrouse como todolos anos a festa de Nadal do noso colexio.

Dende aquí queremos agradecer a todas as mamás e papás que colaboraron connosco, tanto no desenvolvemento da festa coma na elaboración de doces. Moitas grazas!

Tamén queremos agradecer as seguintes empresas por colaborar connosco achegando regalos:
  • Bulebule: globos
  • El rincón de Mito: duas tortillas
  • Gadis: globos, caramelos, osos de peluche
  • Siboney: prestarnos unha super máquina de café e regalarnos o café.

Decirvos que entre tantas cousas esquecéusenos algo moi importante e foi servir 25 litros de chocolate quente que a empresa Jardanay nos ofreceu como donativo. Así que para remediar un pouco o noso fallo se doou á fundación Padre Rubinos. Así que o día 21 almorzaron con chocolate quente xente que probablemente o necesite máis ca nós. Moitas grazas a todos no seu nome e no noso. E moitas grazas a Jardanay tamén.

Esperamos que gozásedes, e vos levásedes un bo recordo. Deixámosvos aquí todalas fotos do evento para o voso desfrute:



Só nos queda desexarvos a todos unhas felices festas e un Próspero Ano 2014. Vémonos á volta.

Circular "Festa do Nadal"

luns, 16 de decembro de 2013


 


Queridas familias:

Como xa sabedes, o próximo venres 20 de decembro, dende as 16:30h ata as 18:30h celebrarase no noso centro a Festa do Nadal organizada pola ANPA.
Como en outras ocasións, a entrada para os socios é gratuíta, recordade que para poder vir e disfrutar de todo o que temos organizado, é necesario presentar na porta de entrada o carné de socio deste curso 2013-14. Cada neno NON-socio que queira entrar deberá abonar 2 euros. Se alguén perdeu o seu carné pode solicitar un novo no local da ANPA ao longo desta semana.
Haberá obradoiros de Nadal onde os nenos poderán levar un recordo para as suas casas, maquillaxe, carreiras de sacos, carreiras de saltos, bolos e outras sorpresas que serán desveladas o día da festa.
Como xa ven sendo habitual os pais acompañarán aos nenos ata a porta do pavillón pero non poderán estar na pista, se non na zona das bancadas, onde poderán degustar un delicioso "Café do Nadal" acompañado dalgún doce. Só poderán estar na pista os pais que se prestaron a colaborar con nos na organización dos xogos. Lembrade que está prohibido acceder á pista con alimentos e calzado non deportivo.
Como xa avanzamos fai uns días haberá un CONCURSO DO CALCETIN MÁIS ORIXINAL. Os que queiran participar han de traelo ao noso local antes do día 20, a técnica é libre e indicarase nun lugar visible o nome do neno e o curso ao que pertence. O día da festa entregarase un premio ao gañador.
Como novidade este ano, na festa farase o sorteo público dunha CESTA DO NADAL. O número gañador publicarémolo na nosa páxina web e o afortunado poderá recollela ata o día 23 de decembro (se por calquer motivo non poidese ir á festa) chamando previamente ao noso móvil. Recordade que só un adulto poderá recoller a cesta.
Por último desexarvos a todos un feliz Nadal e un próspero ano novo 2014.
ANPA Agarimo

Talleres de Nadal en Academia Sphera

domingo, 15 de decembro de 2013


Emilio, dono de Academia Sphera fainos chegar a información de dous talleres para nenos de primaria (lecto-escritura) e secundaria (técnicas de estudo) de cara ás próximas vacacións do Nadal.

Durarán 8 días e serán de hora e media ao día.
 
Para máis información sobre os devanditos talleres podedes picar AQUÍ.

Tamén nos adianta a programación duns interesantes conta-contos en inglés-español que se realizarán os sábados pola mañá. Proximamente recibiremos máis información deles.


Oferta en lentes - Óptica Páramo

domingo, 8 de decembro de 2013



Dende Óptica Páramo chéganos tamén unha oferta moi interesante. Trátase duns lentes especiais coas que mesmo se poderá practicar deporte sen risco a rompelas e a un prezo moi económico. Por tan só 98 euros poderedes adquirilas nesta óptica que estivo a ofrecer descontos aos nosos socios dende sempre.

Os lentes inclúen cristais brancos orgánicos con antirraiado (Graduacións; Cilindros ata +2,00 dp. Esferas de +4,00 a -6,00 dp.)

Recordade que poden ser vosas a este prezo, só ata o 12 de Xaneiro.

Para máis información podedes pasar por Óptica Páramo (R/Páramo,1 - Tlf. 981 262 026) ou descargar o folleto informativo AQUÍ.

Campemento de Nadal en "Arena Pádel"


Dende Arena Pádel envíannos toda a información relativa a un campamento de Nadal que organizan nas súas instalacións, e que vai dirixido a todalas familias con nenos en idade escolar e que poida interesarlles.

O campamento realizarase:

- 1ª semana: Os días 23,24, 26 e 27 de Decembro en horario de 10:00 a 14:00.

- 2ª semana: Os días 30 e 31 de Decembro, 2 e 3 de Xaneiro en horario de 10:00 a 14:00.

O prezo será:

- Unha semana: 49,9€

- As dúas semanas: 59,9€

Todos aqueles que esteades interesados en inscribirvos ou teñades algunha dúbida sobre o funcionamento, podedes poñervos en contacto con eles tanto por correo electrónico a: arenapadel@arenapadel.es ou nos teléfonos 981 271 388 / 681 391 352.

Preparándonos para a Festa do Nadal

martes, 3 de decembro de 2013


Queridas familias:
Como todolos anos celebrarase a xa tradicional Festa do Nadal, que será o próximo día 20 de decembro, o día que comezan as xa desexadas vacacións de nadal.
Este ano, máis que nunca, vémonos na necesidade de pedir a colaboración activa de todolos pais/nais, posto que só somos catro persoas as que formamos a ANPA. Cómo podedes axudar? Necesitamos papás/mamás que estean dispostos a axudarnos no desenvolvemento das actividades que estamos a organizar e, por outra parte, como non temos colaboración externa, gustaríanos que nos puidésedes preparar algunha vianda que logo se repartirá co tradicional café ou chocolate. Podería ser algún biscoito, galletas, etc... Se estades interesados en colaborar na medida que vos sexa posible, podedes apuntarvos no local da ANPA, no noso teléfono ou por email, ata unha semana antes da festa. Moitas grazas a todos.
 Este ano teremos o “Concurso do Calcetín máis Orixinal”. Poderán participar todolos nenos que nos traian un calcetín do nadal decorado da forma máis orixinal antes do día 18 de decembro. Durante a festa teremolos expostos nun orixinal tendal e o gañador recibirá ese día un fabuloso regalo sorpresa. Animade aos vosos fillos a participar!!
 
E como novidade, este ano sortearemos unha fantástica Cesta de Nadal, cuxas participacións poderedes comprar no noso local polo módico prezo de 1 euro, a partires de esta semana. O sorteo realizarase o propio día da festa.
Dende a Anpa queremos desexarvos a todos unhas felices festas.
ANPA AGARIMO

Nova colaboración: "Animal City"

luns, 18 de novembro de 2013


Uniuse á nosa lista de colaboradores a primeira tenda de animais: Animal City. Está situada no Mercado das Conchiñas, local 5, e é unha tenda dedicada á venda de mascotas e produtos relacionados con elas.

Ofrécenos un desconto dun 5% en todas as nosas compras e un 10% se a compra supera os 100 euros. Recordade que para beneficiarse deste desconto, só tedes que presentar o carné de socio do curso actual, debidamente cuñado.

Se queredes máis información da tenda podedes chamar ao teléfono 981 277 894 ou escribir un correo a animalcitygalicia@gmail.com

Podedes consultar o resto de colaboradores AQUí

Nova colaboración: "ENTER"

luns, 11 de novembro de 2013


"ENTER, Reparación de ordenadores" é unha empresa situada en Agra de Bragua, 42 e que a partires de hoxe, únese á nosa lista de colaboradores, que pouco a pouco vai crecendo. 

En ENTER podemos buscar solución a todos eses problemas relacionados coa informática (ordenadores, impresoras, móbiles, consolas, etc) e a partir de hoxe, a todolos nosos socios, presentando o carné do curso actual, a man de obra lles sairá 3 euros máis barato. 

Para máis información sobre esta empresa podedes consultar a sua páxina web: http://www.tallerdeordenadores.es

Podedes consultar o resto de colaboradores AQUí

Parabens a Cloe e Mariña, gañadoras do I Concurso de Monstros e Relatos do Samain

venres, 8 de novembro de 2013


Xa temos os gañadores do I CONCURSO DE MONSTROS E RELATOS DO SAMAIN!!
A elección dos gañadores foi unha tarefa complicada, debido á gran calidade e orixinalidade dos traballos presentados.

Na categoría de MONSTROS, a gañadora foi unha nena de Educación Infantil chamada Cloe, con este terrible monstro, que como se pode comprobar non lle faltou nin un detalle e todo feito con material reciclado: palliñas, rolos de papel hixiénico, o envase plástico dunhas galletas ou bombóns (na cabeza), partes dun vaso antiderramo (pelo e nariz), unha brocha vella, mesmo restos de comida (cascas de cacahuete), botóns, papel de xornal, etc.

Na categoría de RELATOS curtos a gañadora foi Mariña, unha alumna de 6º curso de Primaria, que nos narra unha aventura terrorífica dentro das nosas aulas e cuns protagonistas moi coñecidos por todos, Fina e o señor Antonio. Titulouno "Ou espírito dá clase". E deixámos aquí unha copia para que o poidan ler todos:
"O Espírito da Clase"
Nun día tenebroso de Samaín, cinco nenos e nenas amigos ían por todo o Colexio María Barbeito pedindo lambetadas ata que chegan á clase de 6ºA. Chamaron á porta e entraron. Era una clase deserta, todos os libros estaban cheos de po e teas de araña, un dos nenos dixo:
-Mirade para o encerado! , e leron os cinco á vez: IDES QUEDAR ENCERRADOS.
A porta pechouse, e os nenos quedaron encerrados.
Buscando un modo de saír de alí, unha das nenas sacou hacia fora un libro que fixo que o encerado se deslizara hacia un lado, deixando un portal aberto. Os nenos decidiron pasar e alí encontraron una sombra moi extraña, como dunha estatua e decidiron ir observala e de súpeto, xizouse e resultou que non era unha estatua, senón que era a señora Fina. Despois de que os nenos lle contaran o que pasara, decidiu axudalos. De primeiro encendeu as luces e dixo unha das nenas:
-Isto está moi limpo!,
E respondeu a señora Fina:
-É normal, levo tres anos limpando sen parar, porque o espírito desta clase me ten encerrada como esclava - Segundo rematou de falar escoitouse una voz que dixo:
-Alguén está falando sobre min.
Todos quedaron en silencio, menos a señora Fina, que dixo en voz baixiña:
-Ese é o espírito tan malvado. Para escapar del, temos que tirarlle todalas lambetadas que conseguistes antes, porque él odia as lambetadas e aos nenos, por iso estades aquí, porque estívovos a espiar. Á de tres lanzarémosllelas, entraremos nunha habitación, na que teremos que atopar rápidamente una chave e terémola que colocar dentro do libro que collestes antes para entrar noutro portal, que nos levará ao cuarto da limpeza onde colléremos unha aspiradora e aspirarémolo para que non volva facer maldades.
Fixésmoslle caso a señora Fina, aspiramos o espírito e buscamos ao señor Antonio para que se desfixese da bolsa da aspiradora, e así, non puidese volver mais.
E despois de esa aventura puidemos volver cada un as nosas casas.
Mariña Lestón Olveira
6ºA
 Parabéns aos gañadores e moitas grazas a todos por participar!
(Os gañadores poden pasar o luns a recoller os seus premios e o resto pode pasar a recoller o seu monstro)

III Concurso Escolar de Postais de Nadal - Coruña Educa

luns, 4 de novembro de 2013


A Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude, no marco do Programa Educativo Municipal “Coruña Educa” informa do III CONCURSO ESCOLAR DE POSTAIS DE NADAL que se organiza para o alumnado de todas as etapas educativas dos centros docentes da cidade con motivo das vindeiras festas de Nadal. 
Este ano hai unha novidade importante. O concurso elimina as dúas categorías que había nas edicións anteriores, unha para os escolares de Educación Infantil e a outra para os de Educación Primaria. Na edición deste ano haberá unha única categoría e dous premios.

En consecuencia, este concurso rexerase polas seguintes BASES:

  1. Poderán participar as nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria escolarizados nos centros educativos do Concello da Coruña.
  2. O tema das postais será a felicitación do Nadal e do Ano novo.
  3. A técnica será libre. Non obstante, as purpurinas e as tintas metálicas non serán admitidas.
  4. As dimensións máximas das postais serán 210 x 297 mm (A4).
  5. O formato da imaxe será libre sempre e cando respecte as dimensións anteditas e por unha soa cara.
  6. Non se admitirán os traballos que veñan pregados.
  7. No reverso da postal constará:
  • Título do traballo.
  • Nome e apelidos da autora ou autor.
  • Curso e nome do centro educativo.
  1. Haberá dous premios que consistirán en dúas Play Stations ps Vita. Ademais as duas postais gañadoras serán unha, a felicitación oficial de Nadal do Concello e a outra ou seu cartel oficial das festas.
  2. As postais entregaranse ou remitiranse a:
III CONCURSO ESCOLAR DE POSTAIS DE NADAL
Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude
Casa Paredes. Avda. da Marina, 18 – 2ª
15001 A Coruña
  1. Os premios entregaranse nun acto público no Concello nunha data a determinar e que será comunicada coa suficiente antelación.
  2. Como o ano pasado as postais participantes serán expostas nas bibliotecas municipais e os centros cívicos.
  3. O prazo de presentación das postais ábrese o luns 4 de novembro e péchase o venres 29 do mesmo mes.
  4. O xurado estará composto polo Concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude e catro vocais que serán dous técnicos de Educación e outros dous de Cultura.
  5. A resolución do xurado darase a coñecer o 5 de decembro de 2013. O resultado comunicaráselle directamente ao centro e ao mesmo tempo remitirase aos medios de comunicación.

    Moita sorte e a ver si temos algún gañador entre os nosos fillos.

Nova colaboración: "Óptica Fergó"


Óptica Fergó é unha óptica situada na rúa Agra de Bragua, número 59 que se une á nosa lista de colaboradores, ofrecendo a todolos nosos socios un desconto do 20% en todos os produtos e servizos (agás prezos pechados e promocións).

Recorda levar o teu carné de socio do presente curso para beneficiarte dos seus interesantes descontos.

Para máis información podedes consultar a súa páxina web: www.opticasfergo.com

Podes descargar AQUÍ as súas condicións de desconto.


Podedes consultar o resto de colaboradores AQUÍ  

I Concurso de Monstros e Relatos do Samain

luns, 28 de outubro de 2013


Queridas familias:
Queremos informarvos de que este ano a ANPA AGARIMO organiza o I CONCURSO DE MONSTROS E RELATOS DO SAMAIN.
As bases para o concurso son as que seguen:
  • Os alumnos de Infantil e de primeiro ciclo de primaria participarán na elaboración dun monstro realizado con material reciclado e os alumnos de segundo e terceiro ciclo de primaria escribirán un relato curto en galego, onde o tema principal será o Samain.
  • O prazo de admisión de traballos rematará o luns 4 de novembro. Cada traballo deberá presentarse co nome do alumno e o curso ao que pertence.
  • Só se presentará un traballo por alumno e o lugar de presentación será o local do ANPA.
  • O xurado estará formado por representantes do ANPA, a Dirección do Colexio e profesorado
  • Haberá un gañador por categoría e sairá publicado na páxina web do ANPA e na porta principal do colexio o día 8 de novembro. Cada un dos gañadores recibirá un regalo "monstruoso" sorpresa
  • O monstro e o relato gañador sairá publicado na nosa web e no xornal do colexio, que se entrega a todos os alumnos a final de curso.
Animadevos e participar!!
ANPA AGARIMO

O misterioso caso da botiña perdida

mércores, 23 de outubro de 2013



Charolín y Mediasuela son dos botitas gemelas.Su dueño se llama Tomín. Tomín se pone las botitas todos los días. También los domingos. Con ellas juega y va al colegio. De noche, Tomín las deja en su habitación. Duermen al pie de la cama.

Así empezaba aquel libro de "Mundo Novo" de 1º EGB, de hai tantos anos. Aquel mundo novo, cheo de aventuras, veume á mente cando me encontrei este "Charolín" abandonado no local do ANPA, dende hai días.

Agora veredes cal é o misterio... 
 
Un día este Charolín de talle 33, despois de ir a clase de Judo, foise para casa dunha Mediasuela de talle 30. Ninguén sabe como puido suceder. Pero o dono de Mediasuela talle 33 levou confundido ao pequeno Charolín talle 30... E así estamos! O mesmo temos que organizar un baile ao estilo Cincenta para arranxar este agravio...quen sabe!

E resumindo:

  • Mediasuela talle 30 esperando na súa casa que volva o seu xemelgo Charolín talla 30
  • Charolín talle 33 espera murcho no noso local, a que veña o seu dono e o leve de volta á sua casa
  • Supoñemos que Charolín talle 30 estará aos pés da cama dalgún neno que non é o seu dono ou nalgún zapateiro desta cidade, xunto con Mediasuela talle 33.

Entre todos seguro que buscamos a solución: papás!! se os vosos nenos teñen deportivos como este, revisarlles a numeración porque alguén levou un número 30 que non é seu. O seu é este. O dono do número 30 agradecerávolo polo menos ata que lle creza o pé un número
;-)
NOTA: o da numeración 30 e 33 é pura ficción, só sabemos que entre un e outro hai tres!!! números de diferencia... Non queremos imaxinarnos a ese neno de pe grande calzando esa botiña pequena, uffff

Nova colaboración: "Talleres AUTOBOX"

martes, 15 de outubro de 2013


"Talleres Autobox" é tamén o primeiro taller de mecánica do automóbil que tamén quere colaborar con todos os nosos socios cuns descontos que nos virán moi ben e que son moi variados. Podédelos consultar e descargar AQUÍ

Este taller está situado na rúa Monasterio de Caaveiro número 8, sen moverse do noso barrio. 

Para máis información podedes consultar a súa páxina web: http://www.auto-box.es/ ou chamar ao teléfono 981267569

Podedes consultar o resto de colaboradores AQUÍ 

Nova colaboración: "Calzados Docampo"


Calzados Docampo" é a primeira zapataría que quere ofrecerlle aos nosos socios un desconto dun 15% en todos os seus artigos de zapataría de tempada (non entrarían artigos xa rebaixados ou de liquidación).

Esta zapataría, un pequeno negocio familiar, que dende hai máis de 40 anos comercializa calzado de alta calidade na cidade da Coruña está situada na rúa Francisco Añón, número 25.


Podedes consultar o resto de colaboradores AQUÍ

Nova colaboración: "Manualidades Ventorrillo"

luns, 14 de outubro de 2013




Manualidades Ventorrillotamén se une á nosa lista de colaboradores, ofrecendo aos nosos socios un 10% de desconto na compra de material dispoñible na súa tenda. Está situada na rúa Alfredo Tella, 12, moi preto do noso colexio.

En "Manualidades
Ventorrillo" poderedes comprar todo tipo de materiais relacionados cos traballos manuais: obxectos de madeira, de resina, de escaiola e de marmolina. Tamén poderedes comprar todo o material necesario para a realización de Fofuchas (bonecos de goma eva) e material para debuxo en papel e lenzo. A parte de todo iso, a persoa encargada da tenda, Marisol, explicaravos amablemente todas as vosas dúbidas referentes ao uso do devandito material.

Para máis información podedes consultar a súa páxina web:
Podedes consultar o resto de colaboradores AQUÍ

Nova colaboración: “Bolsos Mais”

venres, 11 de outubro de 2013




Unha nova tenda únese á nosa lista de colaboradores. Trátase de Bolsos Mais”, unha tenda de bolsos e complementos situada na rúa Barcelona número 34.

"Bolsos Mais" ofrécenos un desconto dun 5% en todos os seus artigos (non acumulable con outras ofertas). Xa sabes, só tes que presentar o teu carné de socio do presente curso e poderás beneficiarte destas vantaxes.

Para máis información: http://www.bolsosmais.es/

Podedes consultar o resto de colaboradores AQUÍ

AVISO

Sen a pertinente autorización, a difusión, reprodución ou manipulación por persoas alleas a esta web das imaxes dos nenos que aparecen en ANPA Agarimo dará lugar ao exercicio das accións que nos asistan en Dereito.

Zona privada

Número de visitas: